A comunidade alumni-UVigo é un proxecto novo pero non por iso comezamos a andar en soidade!
Para situar os antecedentes desta comunidade, debemos remontarnos ao ano 1997. Foi entón cando se creou a Asociación de Amigos e de Antigos Alumnos da Universidade de Vigo, co obxectivo de impulsar e de favorecer os lazos entre a sociedade, o tecido empresarial e a nosa universidade. A día de hoxe esta asociación continúa a súa actividade con José María Franco García á cabeza e máis de cen persoas asociadas que participan activamente nas súas actividades.
No ano 2016, case vinte anos máis tarde, comezou unha iniciativa pioneira en España, o Observatorio das Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, liderado polo primeiro reitor, Luis Espada Recarey. Creouse co fin de manter unha canle para continuar coa elaboración de estudos de seguimento da inserción laboral do antigo alumnado. Así, este observatorio permítenos dispor dunha información actualizada, fiable e útil para a toma de decisións no ámbito da Universidade de Vigo.
Sen ningunha dúbida, estas iniciativas, ao igual ca a comunidade alumni-UVigo que agora comeza a súa andaina, naceron e creceron grazas ao apoio incondicional do Consello Social da Universidade de Vigo. Desde a súa constitución no ano 1995, o Consello Social leva apoiando e incentivando estas e outras iniciativas co fin de contribuír de maneira eficaz ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia.